A Consellería de Educación remata a presentación da primeira fase do plan ABALAR

venres, 28 de maio do 2010 Redacción

Reparto provincial do proxecto ABALAR

O vindeiro curso escolar, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria comezará a implantar o proxecto ABALAR en aulas de 5º de Primaria e 1º da ESO, cun desembolso global de 12.120.000 €. O proxecto, presentado a todas as comunidades educativas das cidades de Galicia chegará a un 77% de aulas de centros públicos e a un 23 dos concertados. Deste xeito, a Consellería de Educación dotará a 14.375 alumnas e alumnos destes cursos dun ordenador ultraportátil, nas catro provincias galegas, nesta primeira fase. Ademais, cada unha das aulas beneficiadas terán un encerado dixital e ordenador para o profesorado. Xunto a isto, os centros estarán dotados de todas os aparellos precisos para o desenvolvemento do plan, o que implica desde as redes Wi-Fi ata os canóns de imaxes.
A distribución do plan realizouse en función da solicitude de centros para participar no ABALAR, dos medios dos que dispoñen os centros (conectividade, rede eléctrica), e da disposición do profesorado a participar no proceso de formación. Ademais, o proxecto ABALAR aplicou o principio de reequilibrio territorial con atención especial ao rural e ao interior da Comunidade Autónoma. Tras o reparto final de aulas e centros, obsérvase a discriminación positiva realizada sobre o ámbito rural, ao que o plan ABALAR chegará de forma masiva no primeiro ano de aplicación.
En total serán 693 aulas de centros sostidos con fondos públicos as que comezarán a desenvolver este proxecto na súa primeira fase de aplicación, unha iniciativa que ten como obxectivo chegar ao 100% dos centros da comunidade autónoma nos próximos anos.
Así, o proxecto supón na provincia de Lugo un investimento de 1.430.000 euros en equipamento informático, infraestruturas e formación do profesorado. En Ourense, a cantidade chega aos 1.450.000 euros, e en A Coruña alcanzará os 4.890.000 euros, mentres que en Pontevedra se investirán 3.550.000 euros. A esta cifras se lle engaden preto de 800.000 euros destinados á adaptación e mantemento de sistemas e liñas de conexión, así como a asistencia técnica.
Os datos das provincias déronse a coñecer nas reunións que ao longo das últimas semanas mantiveron os representantes da Consellería de Educación cos directores dos centros seleccionados para participar nesta primeira fase do Proxecto ABALAR.

PUBLICIDADE