A Confederación de Empresarios de Lugo e o CTIC traballan xa para presentar proxectos ao Horizon 2020
luns, 11 de maio do 2015
O secretario da
Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López, e o
presidente da Fundación CEL Iniciativas por Lugo, Luís García
Santalla, mantiveron a semana pasada un encontro con Pablo Priesca,
director xeral da Fundación CTIC, e persoal técnico deste centro
tecnolóxico para
o estudo e preparación de proxectos a presentar conxuntamente no
marco dos fondos Horizon 2020. Segundo informa a organización
empresarial lucense, están a perfilarse nestes intres diferentes
liñas de traballo ao respecto, tanto coa Fundación CTIC como con
outras institucións. Todas estas liñas, engade, pasan polo
desenvolvemento de iniciativas centradas nos eixos prioritarios de
Horizon 2020.
No caso da provincia de
Lugo, estes eixos diríxense a impulsar sectores como o
agroalimentario ou o turístico e “á posta en marcha de proxectos
que contribúan a fixar poboación e a loitar contra o
envellecemento”, explican fontes da CEL, que engaden que a
Fundación CTIC (Centro Tecnolóxico da Información e a
Comunicación), é unha entidade situada en Xixón con ampla
traxectoria de traballo ligado ao desenvolvemento e difusión de
novas tecnoloxías, ademais de ser unha oficina de referencia na
xestión de fondos europeos para o desenvolvemento de proxectos de
innovación e TIC no ámbito nacional e internacional.
Como lembraremos, a
comezos de ano a organización lucense e a entidade asturiana
subscribiron un acordo de colaboración para impulsar o
desenvolvemento de accións conxuntas no ámbito da innovación e as
novas tecnoloxías dirixidas ás PEME e microempresas da dita
provincia galega. O acordo apoiouse en boa medida nunha baza a ter
moi en conta: a vantaxe que supón de cara á Unión Europea a
presentación de proxectos de índole interrexional (neste caso
proxectos galego-asturianos).