A Comisión Mixta de Fiscalía fai reconto do acadado en materia de eAdministración na Xustiza

xoves, 12 de xullo do 2012 Redacción

Alfonso Rueda e Carlos Varela na Comisión Mixta de Fiscalía

A Comisión Mixta de Fiscalía vén de tomarlle o pulso ás iniciativas postas en marcha na nosa terra en materia de medios tecnolóxicos e infraestruturas. A xuntanza da Comisión celebrouse este mércores 11 e estivo presidida polo conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, e o fiscal superior de Galicia, Carlos Varela. Entre outras cousas, avaliaron polo miúdo a nova oficina fiscal, a formación dos fiscais, a modernización tecnolóxica e a dotación de infraestruturas xudiciais. Tamén interveu a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, presentou un informe dos avances logrados ao abeiro do Plan Senda 2014 nas actuacións ligadas ao específico das fiscalías.
Así, dixo, no primeiro semestre de 2012 completouse o proceso de acreditación dixital dos funcionarios das fiscalías, proporcionándoselles dentro do proxecto Kronos a tarxeta intelixente que alberga o certificado de empregado público e que permite entre outras funcións a sinatura dixital, o accesos aos sistemas de información e zonas restrinxidas. “En marzo deste ano”, engadiu, “integráronse os sistemas Minerva e Fortuny en determinados órganos xudiciais de Pontevedra, o que permite o traslado de xeito telemático de asuntos dende os Xulgados á Fiscalía”.
Dentro das liñas de actuación do Plan Senda 2014, engadiu Mar Pereira, finalizouse a implantación de rede de videoconferencia da administración de xustiza en Galicia, estando a disposición das Fiscalías, o Imelga e outras dependencias xudiciais. Con esta actuación, sinálase, “completouse a dotación de videoconferencias de sala a todos os partidos xudiciais con tres ou máis órganos”. No primeiro semestre deste realizáronse mais de 1.700 comunicación xudiciais a través de videoconferencia.

PUBLICIDADE