A Comisión Europea recibe aos responsables do proxecto de dixitalización de libros de Google

luns, 7 de setembro do 2009 Raquel Noya

O xigante americano Google, que no pasado mes de outubro chegaba a un acordo coa Asociación de Autores e Editores de Estados Unidos para dixitalizar as súas publicacións e repartir os beneficios, vén agora de mostrar un especial interese por facer o propio cos libros europeos, para colgalos a través de Internet e permitir o seu libre acceso a tódolos internautas. Para isto, a compañía californiana terá que convencer á Unión Europea de que o seu “proxecto de dixitalización de libros” é lícito e serio, así como unha maneira de achegarlle a cultura aos internautas de xeito doado e barato, e non unha mera acción de lucro coa que obter beneficios millonarios aos que nos ten acostumados. Entre hoxe e mañá, os responsables do proxecto, deberán comparecer ante a Comisión Europea para explicarlle aos seus membros en que consiste o acordo que acadaron o pasado ano coa devandita asociación de editores e co sindicato de autores de Estados Unidos, onde despois de meses de lixitios, Google e os posuidores dos dereitos de autor acordaron repartir os beneficios “de colgar obras descatalogadas que volven a ser accesibles grazas a Internet”. Segundo Google, “estas obras representan o 70% dos libros publicados, fronte ao 20% dos volumes que xa son de dominio público e o 5% que representan os exemplares presentes nas librarías”. Este acordo, que aínda está pendente da decisión da xustiza estadounidense, prevé que o buscador peciba o 37 por cento dos beneficios ligados á súa explotación, mentres que os autores e editores quedan co 63 por cento restante, facendo desta acción, unha iniciativa que favorece tanto a lectores como a escritores e, por suposto, á propia compañía. Nembargantes, outras compañías do sector como Amazon, Microsoft e Yahoo, critican a iniciativa por temor a que Google “abuse da súa posición dominante no mercado”. Aquí en Europa, editores italianos e franceses, non ven viable que se asine un acordo semellante ao americano neste lado do charco, argumentando que “a normativa impide por agora a dixitalización de obras con dereitos vixentes”. Sexa como for, o caso é que Google preséntase hoxe en Bruxelas para expoñer o proxecto, que, de tirar para diante, porá a disposición de tódolos internautas os libros que desexen sen ter que desprazarse ata as mellores bibliotecas e librerías do mundo.

PUBLICIDADE