A Comisión Europea podería impor o uso dun único tipo de cargador de móbil

martes, 7 de agosto do 2018 Marcus Fernández

Elżbieta Bieńkowska será a comisaria europea encargada do problema da heteroxeneidade dos cargadores de móbil

Durante bastantes anos promoveuse na Unión Europea a utilización dun cargador para teléfonos móbiles que fose común, para evitar así a proliferación de refugallos electrónicos, e aínda que no seu día acordouse harmonizar os cargadores para os móbiles que chegasen ao mercado a partires de 2011, as intencións non se traduciron nos resultados desexados, e a comisaria de Competencia, Margrethe Vestager, laiase diso, polo que encargou á súa compañeira na Comisión Europea, Elżbieta Bieńkowska, que se encargase deste problema aínda sen solucionar.
Dende a Comisión Europea consideran que as medidas que a Industria adoptou de xeito voluntario non foron dabondo, como podemos ver ante o feito de que na actualidade se manteña certa diversidade de conectores de carga (principalmente Lightning, USB-C e micro USB), de aí que estean a avaliar as opcións dispoñibles para solucionar esta situación que parece enquistarse.
Aínda que inicialmente acordouse o uso de conectores micro USB, a tecnoloxía avanzou e fixo que tal conector fose insuficiente para, por exemplo, a carga rápida o a transmisión de vídeo, de aí que esperábase que o USB-C pasase a ser o novo estándar a seguir, pero os fabricantes mantiveron ambos conectores e a propia Apple tampouco deu o seu brazo a torcer (pese a ser un dos principais patrocinadores do estándar USB-C).
Ante esta situación parece bastante probable que a Comisión Europea force á utilización das conexións USB-C como estándar de carga, xa que son válidas para numerosos dispositivos (incluíndo ordenadores portátiles), aínda que neste momento haberá quen considera que as medidas chegarán tarde, pois os grandes fabricantes están a reducir cada vez máis o número de portos físicos dos seus dispositivos, e ao igual que prescindiron da conexión para auriculares en moitos modelos, os sistemas de carga indutiva poderían levar á desaparición dos conectores de carga.

PUBLICIDADE