A Comisión Europea pide a Meta, TikTok e os Estados membro máis esforzos contra os contidos ilegais en liña

xoves, 19 de outubro do 2023 Marcus Fernández

Aínda que inicialmente daba a impresión de que a Comisión Europa se poñía principalmente dura con X/Twitter no que a loita contra a desinformación por culpa da súa proliferación relativa ao conflito de Israel, finalmente a Comisión remitiu tamén solicitudes de información formais a Meta e TikTok, no marco da aplicación da Lei de Servizos Dixitais.
A Comisión quere que Meta detalle as medidas que está a adoptar para loitar pola integridade dos procesos electorais e, moi especialmente, contra a amplificación do contido ilegal e a desinformación que están a facerse moi patente nas últimas semanas.
No caso de TikTok tamén esixen información sobre as súas medidas de loita contra a desinformación, pero tamén piden especial protección para os menores en liña, pois non podemos esquecer que o publico de cada plataforma é diferente, e no caso de TikTok a grande preocupación que ten a Comisión é o seu impacto na mocidade.

Acelerar a aplicación da Lei de Servizos Dixitais

Paralelamente a Comisión recomenda aos Estados membros da Unión Europea que axilicen a aplicación da Lei de Servizos Dixitais para mellorar a resposta fronte os contidos ilegais en liña. Non só os conflitos en Ucraína e Israel están a pór a proba os mecanismos de control contra a desinformación, senón que tamén están a dispararse os contidos ilegais que promoven o odio e o terror, e cómpre entrar en acción de xeito efectivo para protexer aos usuarios en xeral e aos grupos de poboación vulnerables en particular.
A Comisión Europea recomenda aos membros da UE designar xa unha autoridade competente que forme parte dunha rede de futuros coordinadores de servizos dixitais, sen agardar a cumprir o prazo legal do 17 de febreiro de 2024, xa que a situación actual fan urxente a adopción de medidas.

PUBLICIDADE