A Comisión Europea marca os obxectivos en telecomunicacións para o ano 2025

mércores, 14 de setembro do 2016 Marcus Fernández

No marco do discurso sobre o estado da Unión Europea de 2016 do presidente Juncker a Comisión propuxo unha revisión da normativa sobre telecomunicacións na U.E., con novas iniciativas para dar resposta ás crecentes necesidades de conectividade dos europeos e potenciar a competitividade de Europa, para o que buscan favorecer o investimento en redes de alta capacidade e acelerar o acceso público a redes Wi-Fi.

Máis banda larga

Deste xeito a U.E. xa non mira cara o ano 2020, senón que xa marca os obxectivos para o ano 2025, que serían que todos os motores socioeconómicos importantes (centros de estudos, nós de transporte, hospitais, administracións...) teñan accesos simétricos á Rede dunha velocidade de 1 Gbps; que todos os fogares europeos rurais ou urbanos poidan gozar dunha velocidade mínima de 100 Mbps (mellorable até 1 Gbps); e que todas as zonas urbanas (así como as principais estradas e liñas ferroviarias) teñan cobertura ininterrompida de 5G (a quinta xeración de telefonía móbil, aínda por desenvolver, e que botaría a andar en 2020).
O novo código proposto hoxe fala dunha maior competencia e previsibilidade para favorecer o investimento, un mellor uso das radiofrecuencias, o fornecemento da protección do consumidor e un contorno en liña máis seguro para os usuarios e unha normativa máis xusta para todas as partes.

Promoción das redes Wi-Fi de balde

A nova proposta da Comisión sería a chamada WiFi4EU, que cun orzamento de 120 millóns de euros buscaría favorecer a instalación de puntos de acceso á Internet mediante Wi-Fi para os cidadáns que se instalarían en lugares públicos xestionados polas autoridades locais interesadas no proxecto, de xeito que no contorno de edificios públicos, centros de saúde, parques ou prazas sería posible ter acceso á Internet de balde. Este proxecto prevé beneficiar a entre 6.000 e 8.000 comunidades locais de aquí a 2020.

Novo marco para os dereitos de autor

Para continuar a avanzar no contorno dixital a Comisión tamén está a promover a creación dun mercado único dixital para harmonizar os dereitos de autor na U.E. A proposta da Comisión neste ámbito busca favorecer unha maior capacidade de elección e acceso aos contidos en liña e a través das fronteiras; unha mellora da normativa sobre dereitos de autor na educación, a investigación, o patrimonio cultural e a inclusión de persoas con discapacidade; e un mercado máis xusto e sustentable para os creadores, as industrias creativas e a prensa.

PUBLICIDADE