A Comisión Europea imponlle unha multa millonaria a Intel

mércores, 13 de maio do 2009 Raquel Noya

A Comisión Europea, que a raíz de varias queixas presentadas por ADM iniciou unha investigación da actividade comercial de Intel por suposta competencia desleal, vén de impoñerlle ao grupo informático estadounidense unha multa récord de 1.060 millóns de euros, a maior da historia da UE, por abusar da súa posición dominante para así tratar de expulsar aos seus rivais do mercado de microprocesadores, especialmente a AMD.
Ao parecer, Intel recorreu a prácticas que Bruxelas considera “ilegais”, tales como aplicar fortes descontos e incluso pagar a fabricantes de ordenadores como Acer, Dell, HP, Lenovo ou NEC para que non empregasen microprocesadores da súa competencia.
Segundo veñen de afirmar os responsables da sanción, a empresa estadounidense tamén pagou ao distribuidor Media Markt “para que vendera só ordenadores equipados con microprocesadores Intel” polo que o executivo comunitario esixe o “cese inmediato destas prácticas”.
A sanción de 1.060 millóns de euros representa o 4,15 por cento do volume de negocios de Intel en 2008 e supón menos da metade do máximo que podía impoñer a UE para este tipo de casos (o 10 por cento do volume de negocios da empresa multada) polo que o xigante tecnolóxico pode dar grazas porque o executivo comunitario non fose máis severo.
Ata o de agora, a multa máis alta que impuxera a Comisión Europea por este tipo de abusos de posición dominante era a de Microsoft en 2004, que ascendeu a 497 millóns de euros, unha cifra que non chega nin a metade da imposta a Intel polas súas infraccións, que se extenderon no tempo entre o 2002 e o 2007.
O executivo comunitario considera que, ao reducir a capacidade dos seus rivais para competir baseándose na calidade dos seus produtos, a actuación de Intel “danou gravemente a competencia e a innovación”.
Pola súa banda, a comisaria de competencia, Neelie Kroes, vén de afirmar que “Intel perxudicou a millóns de consumidores europeos durante anos” e tacha esta infracción de “intolerable”.
O grupo informático, que non cre ter infrinxido a lexislación europea coa súa práctica, xa anunciou que recurrirá a multa e que mentres dure o procedemento de apelación, colaborará co ejecutivo comunitario para “correxir as actuacións que Bruxelas considera ilegais”.

PUBLICIDADE