A Cidade das TIC aspira a converterse nun referente estatal do sector tecnolóxico

xoves, 27 de febreiro do 2020 Marcus Fernández

O pasado día 18 asinouse a acta de cesión do edificio da Fábrica de Armas da Coruña do Ministerio de Defensa á Universidade da Coruña, o que facilitará que este grande espazo na cidade herculina poida servir de enclave para o proxecto da Cidade das TIC, que esta mesma mañá explicouse nas propias instalacións da antiga Fábrica de Armas, nun acto presidido polo reitor da UDC, Julio Abalde, e pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey.
A Cidade das TIC pretende consolidar á cidade da Coruña como un dos polos da innovación en Galicia, de xeito que se xeren sinerxías entre a Universidade e as empresas para que o espazo que vén de ser cedido poida acoller a preto de 2.500 profesionais de alta especialización no sector TIC.
Este proxecto quere concentrar centros docentes, empresas e Administración para gañar forza dabondo para producir máis beneficios, atraer máis compañías, reter talento e, en definitiva, contribuír ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas e primeiro nivel en Galicia.
Julio Abalde explicou que a Cidade das TIC é un proxecto inmerso nun marco estratéxico deseñado en paralelo ao plan innovador dixital da Xunta, do Estado e de Europa, pensado para 2021-2030, tratando de impulsar a tecnoloxía en todos os sectores produtivos e crear nodos en distintas áreas. Temos así que A Coruña buscaría converterse no referente galego en cuestións como a aprendizaxe automática, o procesamento de linguaxe natural, a visión artificial, os sistemas de recuperación de artificial, os sistemas intelixentes, a computación de altas prestacións e outras materias na mesma liña.
Dado que estamos ante un espazo cualificado como solo industrial, será posible que no futuro a vella Fábrica de Armas poida transformarse en toda unha serie de espazos como un Centro de Formación Avanzada, ou un Centro de Demostración 4.0, así como espazos para que as empresas poidan realizar probas, instalacións para o coworking e a aceleración de empresas e incluso áreas de servizos nas que habería dende comedor e cafetería até instalacións deportivas e escola infantil.
A transformación deste espazo físico de 35.000 metros cadrados será todo reto, xa que supón a rehabilitación de 17 edificios e a construción de 2 bloques novos; sendo preciso tamén adaptar accesos peonís, crear unha zona verde, e adecuar as comunicacións co resto da cidade, para o que será preciso un grande investimento.
Aínda que a cronoloxía da Cidade das TIC non está escrita en pedra, o plan director de reforma do complexo prevé que en 2021 poida estar operativo o Centro de Formación Avanzada e que en 2022 dea os seus primeiros pasos o parque empresarial que ocupará boa parte das instalacións, pero aínda non está fixado o ano non que se completará esta transformación que promete ser un importante pulo para o sector tecnolóxico na nosa comunidade.

O proxecto da Cidade das TIC precisará de varios anos para poder converterse nunha realidade tanxible
A biblioteca da Fábrica de Armas foi o lugar elixido para a presentación do proxecto da Cidade das TIC
A alcaldesa da Coruña e o reitor da UDC visitaron hoxe a Fábrica de Armas para presentar o proxecto da Cidade das TIC
A rexedora herculina salientou o compromiso do Concello con esta ambiciosa iniciativa
A Universidade da Coruña e os seus equipos de I+D+i será un elemento chave para o éxito da Cidade das TIC
Transformar a Fábrica de Armas na Cidade das TIC será un complexo traballo de rehabilitación

PUBLICIDADE