A Cidade da Cultura acolle unha xornada sobre axudas europeas para o sector do videoxogo

venres, 27 de novembro do 2015 Redacción

A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) vai organizar, en colaboración co Cluster Audiovisual Galego (CLAG), un encontro divulgativo sobre as portas ás que poden petar os nosos deseñadores de aventuras gráficas no camiño de acadar financiamento. Cara iso se dirixe precisamente a xornada Oportunidades do Programa MEDIA para o desenvolvemento de videoxogos, inserida no programa Galicia ProFilme (Consellería de Cultura) e prevista para o vindeiro mércores, día 2 de decembro, en Santiago de Compostela.
O obxectivo principal desta nova sesión do Programa de Formación para Profesionais da Industria Audiovisual Galega é detallar as bases legais das axudas ao desenvolvemento que o Subprograma Media de Europa Creativa lle ofrece ao sector do videoxogo desde o pasado ano, e que poden ser de até 150.000 euros por proxecto como cantidade máxima. Tamén se abordarán as posibilidades que lles ofrece o crowdfunding (micromecenado nas redes) ás empresas do sector. O Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia acollerá esta sesión o vindeiro día 2 a partir das 16:30 horas. A súa apertura correrá a cargo de Jacobo Sutil, director da AGADIC, e contará coa participación de Peter Andermatt, director da Oficina Media España, e Fernando Prieto, socio da compañía galega Gato Salvaje Studio.

PUBLICIDADE