A Cidade da Cultura acolle hoxe unha xornada sobre as vantaxes de impulsar a innovación no ensino

xoves, 20 de abril do 2017 Redacción

A asociación APD e maila Xunta, con motivo da Semana Mundial da Creatividade e a Innovación, van celebrar hoxe unha xornada de debate sobre a necesidade de promover a capacidade de inventiva da xente nova dende o ámbito educativo ao empresarial. Baixo o epígrafe Escolas creativas, empresas innovadoras, a sesión celébrase no edificio CINC da Cidade da Cultura a partir das 17.30 horas. A xornada contará con relatores referencias dos ámbitos empresarial e educativo, debatendo acerca da necesidade de impulsar o máximo as capacidades dos nenos e adolescentes para achegar propostas novas e que, a ser posíbel, carrexen o xermolo da innovación e do disruptivo (a capacidade dun proxecto para marcar un antes e un despois).
A apertura da xornada será a cargo de Santiago Sesto, director de APD na Zona Noroeste, e de Vitoria Penide, responsábel do Departamento de Formación e Innovación do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) da Xunta de Galicia. A sesión contará coas intervencións de Elba Pedrosa, consultora en comunicación e creatividade e promotora e organizadora da First World Creativity & Innovation Week Galicia. Ademais, intervirán virtualmente Selma Prodanovic, fundadora e directora executiva de 1MillionStartUps e Nigel Newton, investigador e director do proxecto ELLI.
A actividade clausurarase cunha mesa redonda, baixo o título Educar hoxe para dirixir mañá, moderada por Sara Carreira, xornalista especializada en educación, e na que intervirán Luís Álvarez, conselleiro delegado de Optar Solutions, Pablo Campos, director xeral de VMS Automotive, Paloma Barreiro, directora de Atlantic MTA, Loreto Fernández, profesora da USC, Hipólito Puente, vicedecano do Colexio oficial de Psicoloxía de Galicia e José Manuel Leis, director do Centro Integrado de Formación Profesional Politécnico de Santiago de Compostela.

PUBLICIDADE