A CiberIrmandade pídelle a Froiz a versión da súa web en galego

venres, 24 de agosto do 2007 Fernando Sarasketa

A CiberIrmandade segue adiante esculcando na Rede galega á procura de propostas mellorables, sobre todo fitando naquelas que malia ter xurdido na nosa terra e para internautas principalmente da nosa terra, apostan (non se sabe moi ben por que) por unha única lingua, a castelá. Nesta liña vai o máis recente movemento de ficha da CiberIrmandade: convocar á comunidade internauta galega co fin de solicitarlle ó Grupo Distribuciones Froiz unha versión en galego dos seus servizos na Rede.
O colectivo galego e internauta xa habilitou un prego para ser enviado polos usuarios, que unicamente terán que incluír a súa conta de correo e o asunto da mensaxe (o nome é opcional), e no que, amais dos parabéns por ter apostado pola Rede e da petición da versión galega, inclúese outra solicitude ben clara: a corrección de diversos topónimos galegos deturpados que semellan procedentes duns tempos que todos críamos superados, como por exemplo “Bayona”, “La Guardia”, “Mellid”, “Noya”, “Ordenes”, “Puenteareas” ou “Puentecesures”.

PUBLICIDADE