A CiberIrmandade da Fala anuncia a saída do ispCP Omega en galego

luns, 2 de marzo do 2009 Raquel Noya

Imaxe do panel de control de ispCP Omega

A CiberIrmandade da Fala, que naceu hai máis de 12 anos co compromiso firme de afianzar a nosa língua na Rede, continúa paseniñamente co seu labor, sen presas pero tamén sen pausas, apostando pola presenza do galego no software “que todos empregamos de xeito cotián”.
Deste xeito, despois de lanzar, entre outras aplicacións, a versión definitiva do phpBB3 en galego, de traducir á nosa língua os foros Fireboard na súa versión 1.0.4., de completar a tradución do WinMerge, e de facer posible que o galego estea “presente de xeito oficial desde o comezo na versión estable” da aplicación de Panel de Control Open Source para provedores de acceso á Rede IspCP Omega, a CiberIrmandade da Fala vén agora de anunciar a saída do ispCP Omega, dende a súa primeira versión estable, en galego, concibido grazas ao esforzo dos voluntarios e voluntarias que colaboraron no traballo de tradución dende o comezo.
Nembargantes, a entidade asegura que esa non é a única actividade que os ocupa e que nos últimos tempos veñen traballando arreo no mantemento e mellora das traducións do DokuWiki, WinMerge e do phpBB3.
Este último caso foi, segundo a CiberIrmandade, “especialmente importante” ao ter que corrixir un pequeno erro na tradución, que afectaba á presentación dunha das páxinas do Panel de Control da Administración.
En tódolos casos, aseguran, “os arquivos coas traducións están dispoñibles nos sitios web oficiais, canda as distribucións das aplicacións traducidas”, e nalgúns casos concretos tamén na área de descargas da súa web.

PUBLICIDADE