A CiberIrmandade abre unha campaña para solicitarlle a Blusens a inclusión do galego na súa web

luns, 1 de outubro do 2007 Fernando Sarasketa

Ser unha empresa potente en Galiza e fóra dela e ter unha páxina web comercial moi visitada en castelán e inglés e non en galego é como ter unha boa leira a medio sementar. Algo así como non tirar partido ó cen por cen das posibilidades que che ofrece a Rede, non só no que se refire ó estritamente comercial, senón tamén no plano do prestixio, a imaxe de marca e a comunicación total. Un pouco de todo isto (ou, mellor dito, unha ausencia de todo isto) hai, segundo indica a CiberIrmande da Fala, na web da empresa galega Blusens, unha das firmas de electrónica de consumo de meirande crecemento e pegada do mercado europeo.
Dáse a circunstancia de que no seu sitio hai comunicación en inglés e en castelán, pero non en galego.
A xuízo da CiberIrmandade, a inclusión da nosa lingua na súa web sería un xeito inmellorable de seguir avanzando e con paso firme no que para Blusens (creada en 2002 e con sede en Santiago) é o camiño máis axeitado a seguir na sociedade global: o camiño que che axuda a diferenciarte dos teus competidores.
Por este motivo, o colectivo internauta galego vén de lanzar unha campaña na web na procura de apoios para solicitarlle a Blusens unha versión en liña da nosa lingua.

PUBLICIDADE