A Catedral de Santiago presenta exposicións virtuais sobre o Pórtico da Gloria en Google Arts & Culture

luns, 20 de xullo do 2020 S. P.

As ligazóns da Catedral de Santiago co máis avanzado do universo online non paran de fortalecerse. Segundo informan dende a fundación responsábel da xestión e conservación templo compostelán, dende este 20 de xuño están dispoñíbeis en Google catro novas exposicións desenvolvidas pola entidade, desta volta poñendo o foco no Pórtico da Gloria. Esta iniciativa é froito dunha colaboración entre a fundación e o coñecido buscador de Internet que se remontan ao ano 2017: un programa de traballo conxunto que permitiu a difusión dalgúns dos aspectos máis destacados do patrimonio cultural da Catedral de Santiago a través dun apartado monográfico en Google Arts & Culture.
Neste apartado ofrecíanse até agora catro mostras virtuais dedicadas ao Camiño de Santiago, o Museo Catedral, o proxecto do Mestre Mateo e os tapices de Goya, os cales foron fotografados coa tecnoloxía Gigapixel, segundo destaca a fundación “un potente proceso de captura que permite imaxes na máis alta resolución. Tamén se achegaron percorridos virtuais por espazos do Museo, o Palacio de Xelmírez e o Museo de Arte Sacra de Santa María A Real de Sar, espazo xestionado pola Fundación Catedral a través do seu programa Compostela Sacra.
Completando esta presenza virtual do patrimonio catedralicio, a Fundación Catedral presenta agora en Google Arts & Culture unha nova fase no seu programa de colaboración, que é o resultado dun importante traballo de investigación levado a cabo nos últimos meses, co Pórtico da Gloria como elemento de referencia. Este proxecto virtual ofrece como resultado catro exposicións temáticas a través das cales é posíbel “coñecer en profundidade esta obra cume da arte medieval, a súa mensaxe, o seu programa iconográfico, os aspectos máis descoñecidos e, tamén, os datos sobre o complexo proxecto de restauración que, co mecenado da Fundación Barrié, desenvolveuse entre os anos 2006 e 2018, permitindo a recuperación deste conxunto”, engadiu a Fundación Catedral de Santiago.
A primeira destas exposicións leva por título O Pórtico da Gloria, a obra cume do Mestre Mateo e permite coñecer o relato apocalíptico e salvífico que se inicia na cripta e desenvólvese a través das estatuas e os relevos dunha obra mestra da arte universal; a segunda, Decodificando o Pórtico da Gloria, céntrase no discurso iconográfico desenvolvido polo Mestre Mateo a través das figuras encostadas na súa tripla arcada. Séguelle A desaparecida fachada ao final do Camiño, onde o visitante poderá coñecer algúns dos aspectos menos coñecidos do dito monumento sacro. Por fin, o bloque complétase cunha exposición virtual adicada ao proceso de restauración e, de maneira especial, ao traballo de investigación realizado sobre as diferentes capas de policromía do conxunto.
Neste proxecto, dirixido polo director técnico do Museo Catedral, participaron, como parte do seu período formativo, varios alumnos en prácticas dos mestrados en Xestión Cultural e en Estudos Medievais, así como do Grao en Historia da Arte da Universidade de Santiago.
Todas estas exposicións virtuais atópanse dispoñíbeis, en castelán e inglés.

PUBLICIDADE