A Casa Branca lexislará a obriga de informar tras ataques informáticos

luns, 12 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

Nos últimos anos vimos como moitas compañías padeceron ataques informáticos nos que se comprometeron datos persoais dos seus usuarios e, en moitos casos, non se soubo destas intrusións nos seus sistemas até moito despois, descoñecéndose o auténtico alcance da fenda na súa seguridade, situación que crea grande preocupación, de aí que agora estean a dar conta de que o presidente de EE.UU., Barack H. Obama, vaia pedir a creación dunha lexislación federal para obrigar ás empresas americanas a ser máis vixilantes cos datos persoais e de tarxetas bancarias dos seus clientes.
Entre as medidas que pretende Obana estaría a obriga de informar antes de 30 días das intrusións informáticas, dando conta tamén dos datos que se terían comprometido en cada caso. Aínda que nun principio a lexislación federal só buscaría crear unhas esixencias mínimas, deixando a cada estado a posibilidade de establecer medidas adicionais.
O informe da Casa Branca que sustenta estas medidas asegura que “ante o crecemento das ameazas informáticas e os roubos de identidade, as últimas enquisas reflicten que nove de cada dez americanos senten que perderon dalgún xeito o control dos seus datos persoais, o que podería levalos a un menor nivel de interacción coa tecnoloxía, menor innovación e unha economía menos produtiva”.

PUBLICIDADE