A Campus Party colle alento para saír con forza en marzo

mércores, 27 de febreiro do 2008 Raquel Noya

O meirande encontro de lecer electrónico en Rede do mundo, a Campus Party, vén de estrear a súa duodécima edición coa apertura de inscricións para os “campuseiros” de experiencia. Aqueles participantes que xa estiveron en edicións anteriores terán un 20 % de desconto no prezo das entradas sempre e cando formalicen a matrícula antes do vindeiro día 13 de marzo, data oficial da apertura de rexistros para o resto do público. Un ano máis, a Campus Party de Valencia dará acollida a un aforo máximo de 6.000 postos de ordenador, aínda que os organizadores contan coa chegada de máis de 8.000 participantes. Baixo o lema “Unimos Talento, Creamos Futuro”, a xuntanza en liña aposta por superar a participación do pasado ano e converter a duodécima edición na máis internacional do evento con visitantes chegados de países europeos, do Xapón e de diversos puntos de América. Deste xeito, Valencia pasaría a ser, segundo os organizadores da festa tecnolóxica, “a cita orixe e referente das novas edicións no resto do mundo, grazas a que se contará con máis actividades, relatores e participantes internacionais que nunca”. Ademais das áreas habituais de Campus Party: Astronomía, CampusBot, CampusCrea, Desenvolvedores, GoogleHack, Xogos, Modding, Simulación, Software Libre... nesta edición xorde como novidade o Campusblog, unha área específica para bitacoreiros e bitacoreiras de renome que avaliarán o futuro deste fenómeno e axudarán a aqueles que se estean a iniciar na blogosfeira. Outra das iniciativas que máis peso terá nesta duodécima edición vai ser a Campus Futuro, unha área creada na pasada edición que reúne nunha mesma zona as novas tendencias que revolucionan o universo das novas tecnoloxías como os revolucionarios gadgets chegados de Xapón, Alemaña ou Italia. Campus Party xa comezou -tamén este ano-, a súa proxección exterior coa celebración da edición brasileira, que contou con máis de 5.000 participantes e 92.779 visitantes na zona aberta da exposición. Asemade, a capital de Colombia vai acoller, do 16 ó 22 de xuño, a primeira edición do mesmo evento e no mes seguinte, do 7 ó 13 de xullo, será Atenas o lugar escollido para a cita coa tecnoloxía en liña no Peace and Friendship Stadium, un espazo que xa ten acollido varias competicións das Olimpíadas de 2004. Na imaxe, a Campus Party de noite.

PUBLICIDADE