A Cámara de Santiago xunta forzas co Concello e a USC para impulsar ao máximo a innovación empresarial

venres, 29 de xaneiro do 2016 Redacción

Nogueira, Asorey e Viaño na sinatura do protocolo

A Cámara de Comercio da Santiago, a Universidade (USC) e o Concello compostelán asinaron este xoves un acordo destinado a promover innovación na contorna da cidade. O protocolo, máis polo miúdo, asenta o alicerce para a creación conxunta de emprendemento tecnolóxico. No acto de sinatura participaron o presidente da Cámara, Jesús Asorey, o reitor da USC, Juan Viaño e o alcalde da cidade, Martiño Noriega. Segundo fixeron saber, o obxectivo é formalizar unha alianza para tirar proveito das potencialidades das tres institucións (por separado pero sobre todo xuntas) en materia de I+D, transferencia tecnolóxica, emprendemento, pulo empresarial e políticas activas de emprego. “A intención é traballar xuntos, achegando cada parte os seus recursos e experiencia, co obxecto de alumear novos proxectos tecnolóxicos e ideas de negocio”, engadiron.
Por outra banda, Cámara, Universidade e Concello traballarán en mancomún a prol do desenvolvemento de proxectos europeos ou proxectos derivados doutras Administracións Públicas, “cun horizonte cobizoso que permita o deseño de plataformas estábeis que dean resposta aos actuais retos de máxima competitividade, excelencia e singularidade das propostas”.
Jesús Asorey salientou “a relevancia deste acordo deseñado para traballar e desenvolver proxectos de emprendemento e novas tecnoloxías”. E engadiu que o tipo de colaboración será “total”, ao abeiro dun marco estábel que garanta un xeito de traballar “máis intenso”. O presidente da Cámara dixo que a alianza servirá para optimizar os recursos e poder optar a proxectos convocados no novo Programa Marco da Unión Europea 2014-2020.
Juan Viaño lembrou a experiencia adquirida pola USC en materia de emprendemento, coa creación “dunha das primeiras incubadoras de empresas de España”, a aceleradora Uninova, que encetou a súa andaina en 1998 co obxectivo de “contribuír ao lanzamento e consolidación de gran número de empresas baseadas no coñecemento xerado na Universidade”.
O reitor salientou tamén o desenvolvemento dunha estrutura especializada na transferencia de resultados e emprendemento como é o Edificio Emprendia.
Pola súa parte, Martiño Noriega indicou que este convenio chega para “afianzar unha colaboración que xa conta con antecedentes”. E explicou: “Establécese aquí un marco firme para xerar emprego, coñecemento e riqueza na cidade”. Concretou tamén o interese das tres entidades a optar a recursos europeos nas súas diversas vías nos vindeiros meses.
Para acadar “a máxima efectividade neste acordo”, a Cámara de Comercio de Santiago informou no acto de presentación do protocolo que achegará no mesmo a súa experiencia na prestación de servizos ligados ao emprendemento e a súa capacidade para executar programas orientados ao fomento dos valores emprendedores na sociedade e a creación de novas empresas. Igualmente, a Cámara lembrou a súa experiencia na xestión de acubillos empresariais a través do seu propio viveiro, situado no polígono de Costa Vella. “Constitúe un espazo físico onde se ofrecen locais de traballo, formación e asesoramento para cubrir as necesidades básicas das pequenas e medianas empresas e conseguir a mellora das súas expectativas de supervivencia”, recordou Asorey.

PUBLICIDADE