A Cámara de Santiago organiza un curso sobre xestión de marca nas redes sociais

mércores, 2 de decembro do 2015 Redacción

A Cámara de Comercio de Santiago celebrará entre os días 9 e 18 de decembro un curso de redes sociais para a xestión de marca persoal e empresarial. A actividade formativa desenvolverase nas aulas formativas da entidade compostelá, en horario de 20:00 a 22:00 horas. Impartido pola empresa Quelqum, o curso diríxese a fornecer ás empresas coñecementos para a posta en funcionamento dun proxecto de comunicación dixital, incluíndo a elaboración dun plan de comunicación da marca a través dun sitio web e das redes sociais.
“Con esta formación”, explica a cámara, “os alumnos poderán comprender que lugar ocupan as redes sociais na súa actividade empresarial cotiá, a función destas ferramentas de comunicación dixital e a súa integración no seu plan de negocio”. Ademais, incide a entidade, “poderán analizar a posibilidade ou non de ter un community manager” e afondar no funcionamento e aplicación empresarial das redes sociais alén de Facebook, Instagram e Twitter, coñecendo outras como Linkedin, Youtube, Google+, CV Digital Eficaz ou Pinterest.
O curso está dirixido a empresarios e a traballadores interesados en facer da súa marca empresarial ou persoal un valor seguro grazas ás ferramentas do contexto dixital. Ademais, poderá participar calquera persoa interesada en dar forma a un proxecto profesional, empresarial ou de marca persoal.

PUBLICIDADE