A Cámara de Santiago móstranos como mellorar a presenza da nosa marca en Internet

martes, 3 de maio do 2022 S. P.

A Cámara de Santiago vai organizar este 10 de maio unha xornada onde se mostrarán os recursos dos que podemos botar man para optimizar na Rede o prestixio e a visibilidade da nosa empresa. Trátase da sesión A presenza da túa marca en Internet, clave do teu éxito e consellos para ser máis visíbeis. Desenvolverase en horario de 10.00 a 11.15 horas.
O plan da xornada inclúe a presentación da Oficina Acelera PEME da Cámara de Santiago e Red.es, a exposición dos contidos e actividades prácticas sobre creación de estratexias de presenza na Rede, posicionamento e uso das redes sociais nas estratexias comerciais. Tamén se abordarán as novas tendencias da mercadotecnia (marketing) en liña.
A persoa encargada de impartir estes contidos será Fernando Rodríguez de la Torre, director da axencia de publicidade con C de Comunicación, profesor no Mestrado de Marketing Dixital da USC e director de BriefingGalego.com, portal de referencia do sector do marketing e a publicidade en Galicia.

PUBLICIDADE