A Cámara de Santiago indícanos nunha nova xornada como crear un plan de mercadotecnia dixital

xoves, 16 de febreiro do 2023 S. P.

A Cámara de Comercio de Santiago, a través do programa de actividades da Oficina Acelera PEME (iniciativa de transformación tecnolóxica de Red.es na que participan entidades de todo o ámbito estatal como a cámara compostelá), vai organizar o vindeiro 23 de febreiro un novo obradoiro que nos mostra como crear un plan de mercadotecnia dixital para a nosa empresa. A cita será en horario de 10 a 11.30 horas e incluirá unha breve presentación da Oficina Acelera PEME.
Os contidos da xornada, impartida polo experto en tecnoloxías Javier Rocamora, serán os seguintes: en que consiste un plan de mercadotecnia (marketing) dixital, como pensar no noso negocio online con estratexia, como definir o noso mercado e os nosos principais competidores, como definir o noso target (público obxectivo), como definir a estrutura e os contidos do noso sitio web, como facer un plan de redes sociais, como elaborar unha estratexia eficaz de publicidade en liña, como elaborar o noso orzamento para cada acción de publicidade e estratexia comercial, como integrar e combinar unha estratexia online cunha offline, ou como facer seguimento do cumprimento dos obxectivos marcados.
O relator será Javier Rocamora García, consultor autónomo especializado e con dilatada experiencia en mercadotecnia dixital, xestión de redes sociais e comercio electrónico desde 2008, operando baixo a marca comercial Las 3 en Punto.
Esta xornada está organizada pola Oficina Acelera PEME da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, que se inclúe en Programa Operativo Plurirrexional de España FEDER 2014-2020 (POPE), co-financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e pola Entidade Pública Empresarial Red.es.

PUBLICIDADE