A Cámara de Santiago estrea sede electrónica

martes, 2 de maio do 2017 Redacción

A Cámara de Comercio de Santiago vén de estrear sede electrónica de seu. O obxectivo? Achandar o camiño das empresas e os emprendedores cara o acceso pleno aos recursos da entidade, máis en detalle as axudas dos programas financiados con fondos europeos. A plataforma de Administración Electrónica da Cámara de Santiago fornece a posibilidade de realizar estes trámites dixitalmente (telematicamente) na súa integridade: dende a fase da convocatoria até a resolución final da axuda.
Segundo informa a entidade compostelá, só son precisos catro pasos para solicitarmos un incentivo destas características. Primeiro, acceder á sede electrónica e consultar as convocatorias abertas a través do buscador ou accedendo ás pestanas de clasificación dos trámites. Segundo, iniciar a presentación identificándonos cun certificado electrónico. Terceiro, completarmos os datos do solicitante, enchermos o formulario de solicitude e achegarmos a documentación requirida. Cuarto, asinar e presentar o formulario completado antes da data de fin da convocatoria.
Para efectuar a sinatura, por certo, é necesario ter instalada a aplicación gratuíta Autofirma facilitada polo Goberno de España, que se pode descargar dende a ligazón de seu. Segundo explica a Cámara de Santiago, nun apartado persoal as empresas poden consultar o estado das solicitudes, emendar información ou achegar novos documentos e acceder ás notificacións electrónicas. O acceso a esta área privada realízase mediante certificado dixital, que, segundo explican fontes da entidade compostelá, “asegura a privacidade da información e solicitante”.
A través da sede electrónica, explica a Cámara, “a tramitación e xestión das convocatorias de axuda dos programas será máis transparente, áxil e eficiente á vez que as empresas e emprendedores terán unha nova canle máis accesíbel, sinxela e con maior dispoñibilidade para solicitar as axudas”.
Organismo intermedio de programas europeos
A Cámara de Comercio de Santiago actúa como organismo intermedio dos programas de axudas da Unión Europea. En total, a Cámara de España xestionará até o ano 2020 máis de 400 millóns de euros, procedentes dos fondos europeos FEDER e FSE. A dixitalización, innovación e internacionalización de PEME, a mellora da empregabilidade da mocidade e o apoio ás mulleres emprendedoras son as principais liñas de apoio das Cámaras de Comercio que contan con co-financiamento de fondos europeos. Estas accións desenvólvense a través de programas como TICCámaras, Innocámaras, Plan de Apoio á Competitividade do Comercio, Plan de Competitividade Turística, Plan Integral de Cualificación e Emprego (PICE), o Programa de Apoio á Muller Empresaria (PAEM), Xpande e Xpande Dixital, deseñados pola Cámara de España e executados a través da rede de cámaras territoriais.

PUBLICIDADE