A Cámara de Santiago achéganos o día 16 unha xornada sobre facturación electrónica

mércores, 10 de xaneiro do 2024 S. P.

A Cámara de Santiago ofrece a vindeira semana unha nova cita formativa de transformación tecnolóxica para as empresas da contorna compostelá. Trátase da xornada Facturación electrónica: Estado da situación da factura electrónica en España e Europa | Lei Crea e Crece. Axuda Kit Dixital. Desenvolverase o día 16 de xaneiro, en horario de 10.00 a 11.00 horas e en formato en liña. Comezará cunha presentación do programa Oficina Acelera Peme, iniciativa estatal na que participa activamente a Cámara de Santiago.
A continuación, abordarase a cuestión da factura electrónica (legalidade da facturación electrónica en España, breve camiño pola historia da lexislación, SII, FaCe e FaCeB2B, Lei Crea e Crece, estado da situación en Europa, polaridade entre estados membro, solución Peppol e, por último, emisión e recepción electrónica de factura: vantaxes para as compañías). A continuación afondarase na solución de factura electrónica do Kit Dixital para rematar cunha quenda de preguntas e o peche da sesión.
Trátase, en palabras da Cámara de Santiago, dunha xornada tecnolóxica online gratuíta para pemes, autónomos e emprendedores, que ten como obxectivo “axudar ás compañías para entender as implicacións da Lei Crea e Crece, concretamente, a obrigatoriedade da facturación electrónica para todas as empresas e autónomos nas súas relacións con outras empresas”.
Segundo adianta a entidade cameral compostelá, “nun breve prazo de tempo, todas as compañías deberán implementar a facturación electrónica nos seus procesos diarios, tanto a súa emisión como a súa recepción”. Grazas ás axudas do Kit Dixital, dispoñíbeis para a dixitalización da facturación electrónica, “poderán adiantarse ao cambio”.
A persoa encargada de impartir estes contidos será Daniel Cerqueiro, CMO na firma galega Docuten. Licenciado e doutor en Ciencias Físicas, leva desde 2004 dedicado ás TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación). A súa principal ocupación actual é ser o CMO de Docuten, ademais de ser un dos promotores de Startup Galicia, e realizar actividades formativas relacionadas coa transformación dixital e o emprendemento.
Esta xornada está organizada pola Oficina Acelera Peme para o Kit Dixital da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela.
Kit Dixital é un Programa do Gobierno de España, xestionado por Red.es, entidade adscrita ao Ministerio de Transformación Dixital a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial. O Programa Kit Dixital está dotado cun orzamento de 3.067 millóns de euros, financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia con fondos europeos Next Generation EU. O seu obxectivo é dixitalizar a pequenas empresas, microempresas e autónomos de todos os sectores en todo o territorio nacional.

PUBLICIDADE