A Cámara de Santiago achega unha xornada sobre estratexias tecnolóxicas para abrirmos mercado

venres, 29 de xaneiro do 2021 S. P.

A Cámara de Comercio de Santiago, en colaboración co instituto galego IGAPE, organiza unha xornada para contribuír a que as nosas empresas rompan barreiras de mercado a través das novas ferramentas tecnolóxicas. Trátase da sesión en liña Estratexia Dixital para a Internacionalización, abeirada ao programa Galicia Exporta Dixital destinado a apoiar ás empresas galegas no desenvolvemento e a posta en marcha dos seus plans de transformación e ampliación de mercado.
A xornada será como dixemos online, previa inscrición, e celebrarase o vindeiro mércores 3 de febreiro, ás 12 h. Nela falarase dos factores de éxito que garanten unha estratexia dixital axeitada. Mostraranse casos reais de empresas que obtiveron importantes froitos cos seus programas TIC de internacionalización. Intervirán (nesta orde), Fernando Pérez-Soba Aguilar, director do Departamento de Promoción Internacional da Cámara de Comercio de Santiago, Augusto Álvarez Borrás, director da Área Internacional do IGAPE e Fernando Aparicio Varas, director de Amvos Digital.

PUBLICIDADE