A Cámara de Comercio de Santiago convoca hoxe ás empresas culturais para achegalas ás redes sociais

luns, 26 de outubro do 2015 Redacción

A Cámara de Comercio de Santiago celebra hoxe unha xornada sobre a importancia das redes sociais no plan de mercadotecina das industrias culturais. O evento, que se desenvolve de balde entre as 10:30 e as 12:30 horas no viveiro de empresas de Costa Vella (rúa República Checa, 40), insírese no Programa de creación e consolidación de empresas de industrias culturais e creativas. O fundador da consultoría de comunicación digital The Social Media Family, Pablo Sanmarco, será o encargado de impartir a xornada.
Pablo centrará boa parte dos contidos da sesión nas redes sociais e as industrias culturais, o universo 2.0, a estratexia en social media, a identificación de comunicadores referenciais e a reputación en liña e de crise. Segundo informa a Cámara, grazas á xornada “os asistentes verán en que consiste un plan estratéxico de comunicación e mercadotecina dixital ou os plans de personal branding para atraer clientes ou xerar confianza”. Ademais, engade a Cámara compostelá, “os alumnos comprobarán a importancia de crear, xestionar e actualizar perfís sociais e o valor das comunidades virtuais para atender axeitadamente aos clientes e dinamizar a audiencia da rede social”.

PUBLICIDADE