A Cámara de Comercio de Santiago permitirá que as empresas locais tiren partido do directorio Pymes.com

mércores, 25 de febreiro do 2015 Redacción

A Cámara de Comercio de Santiago presentou na mañá deste mércores as vantaxes do servizo Pymes.com, cualificado pola entidade empresarial como “o primeiro directorio público da empresa española”. Segundo engadiu a Cámara, o repositorio de información corporativa xa está en marcha e a el adheríronse as 3.363 empresas que conforman o tecido produtivo de Santiago de Compostela grazas ao acordo de integración que asinou a Cámara de Comercio cos responsábeis do devandito portal. “Desta maneira”, informou a entidade cameral, “por primeira vez o conxunto das PEME da capital de Galicia conta de balde cun dominio propio e unha presenza en liña dentro deste portal no que se inclúen os datos de 1,5 millóns de compañías españolas”.
O directorio foi dado a coñecer na sede a entidade compostelá polo seu presidente, Jesús Asorey, e máis polo delegado de Pymes.com, Sergio Ruiz, quen fixo saber que se trata do primeiro portal de España das súas características que achega “unha absoluta fiabilidade dos seus datos, ademais de ser unha ferramenta estratéxica na toma de decisións de compra”. Ademais, Ruiz animou ás empresas de Santiago a tirar proveito das posibilidades do directorio, e máis tendo en conta “a importancia de incorporar o tecido produtivo compostelán á economía dixital fomentando a súa presenza en Internet”.
O conselleiro delegado de Pymes.com tamén destacou que “a partir de agora calquera empresa da cidade e a súa contorna, con independencia do seu tamaño e do sector no que opere, vai mellorar a súa visibilidade en Internet, ademais de ampliar a cota de mercado con novos clientes, tanto no ámbito local, como nacional e internacional, xa que pode amosar os seus produtos e servizos dunha forma personalizada”.
A maiores, recordou que na gran maioría das compras que a día de hoxe se efectúan en España, a decisión de mercar tómase a través de Internet. Ademais, sinalou, o 58% das valoracións inflúen tamén na adquisición do produto e servizo.
Respecto das vantaxes concretas do directorio, Ruiz sinalou que o portal dá a posibilidade de poder consultar unha información (Informe Financeiro da Empresa) á que só adoitan ter acceso empresas rexistradas como bancos, compañías de telecomunicacións ou grandes corporacións. Son, explicou, datos relativos á identidade, contacto da empresa e a información sobre acredores e tipo de débeda, entre outras cuestións amosadas de xeito sinxelo e de doada comprensión. Segundo engadiu, Sergio Ruiz, a información do informe permite que “nunha ollada poidamos ver se a empresa consultada é un bo ou mal pagador desde os últimos anos até o propio día no que se solicita a emisión do informe”.
O portal tamén expón datos do Índice de Notoriedade en Internet, de acceso público e gratuíto. Este reflicte, cunha valoración de 0 a 500, a popularidade dunha empresa, o seu nivel de presenza dixital así como a reputación percibida polos seus usuarios.

PUBLICIDADE