A Cámara de Comercio de Santiago axuda a pór en marcha dúas ducias de proxectos empresariais innovadores

mércores, 11 de xuño do 2014 Redacción

A Cámara de Comercio de Santiago pechou este martes 10 un programa formativo de creación e afianzamento de empresas innovadoras no viveiro de seu no Polígono de Costa Vella de Santiago. O peche acompañouse da entrega oficial de diplomas aos 26 alumnos que participaron no programa, cousa que serviu, tamén, para amosar as vantaxes en xeral dos acubillos e incubadoras para os emprendedores e, no específico, deste acubillo compostelán en concreto. O acto estivo presidido polo titular da Cámara, Jesús Asorey e polos responsábeis das entidades colaboradoras nas accións de formación (Dirección Xeral de Traballo, Fundación INCYDE). Tamén contou coa presenza da emprendedora Milagros Iglesias, alumna de Emprende en Positivo, que falou da súa idea Online Produtos 5a Gama.
Este proxecto, dixo, consiste nunha iniciativa que cingue o sector alimentario (produtos elaborados e listos para consumir) coas metodoloxías innovadoras propias da mercadotecnia e da venda en liña. A emprendedora expuxo que a súa proposta empresarial pretende empregar novas técnicas de cocción e refrixeración para ofrecer o produto, de calidade gourmet, a empresas de restauración, primeiro no contorno local e máis adiante cun enfoque internacional.
Volvendo á intervención de Asorey, dicir que aproveitou a clausura do programa para lembrar que “dende a apertura en 2006 do viveiro de Costa Vella, a estatística de supervivencia empresarial está nun 80 por cento, fronte ao dato do 60 por cento de mortalidade das empresas nos seus dous primeiros anos de vida en España”.
No que respecta ao programa formativo, dirixido fundamentalmente a persoas con iniciativas emprendedoras que precisen coñecer a viabilidade da súa idea de negocio e adquirir os coñecementos necesarios que lles permitan poñer en marcha o seu proxecto empresarial, ou ben empresarios que queiran facer rendíbel a súa empresa. Celebrouse do 24 de marzo ao 23 de maio na incubadora cameral. En total, no programa presentáronse dúas ducias de proxectos.
O programa, impartido pola directora de proxectos de Incyde, Belém Romero, organizouse co obxecto de mellorar, mediante a formación e o asesoramento, a xestión empresarial da pequena e mediana empresa (PEME), desenvolver iniciativas dirixidas ao autoemprego e creación de empresas e adaptación das PEME aos novos mercados.
Por certo que os emprendedores que asisten a este programa poderanse acoller a Redempresa, unha rede creada para fomentar contactos entre empresas de sectores comúns ou complementarios, que poidan compartir problemas e solucións similares, intentando facilitar o intercambio de coñecementos do sector.

PUBLICIDADE