A Cámara de Comercio da Coruña achega este ano 75 cursos online

luns, 26 de agosto do 2019 Redacción

A Cámara de Comercio da Coruña está a preparar para estes últimos meses do ano un amplo programa formativo para impulsar a capacitación das empresas, autónomos e profesionais en materia de competitividade, tecnoloxías, rendibilidade, comunicación integral, captación e mantemento de clientes, xestión ou busca de novos mercados. O programa, que ten un marcado cariz tecnolóxico, ten dúas modalidades: unha presencial e unha online.
A primeira inclúe arredor de dúas ducias de actividades de temáticas tan diversas como a contabilidade e a análise de balances, o compliance penal, as habilidades de comunicación, a confección de organigramas empresariais, a xestión de equipos ou as técnicas de vendas máis innovadoras.
Pola súa banda, a programación online conta cuns 75 cursos, que abranguen cuestións como as linguas estranxeiras, as metodoloxías do community management, as ferramentas Access e Excel, a contratación laboral, o comercio exterior ou as políticas de igualdade na empresa, entre outras moitas temáticas de interese para as PEME de múltiples sectores. A maioría das actividades, tanto presenciais como as que se desenvolven en liña, son bonificábeis.
Para maior información, os interesados poden poñerse en contacto coa Cámara no correo electrónico formacion@camaracoruna.com, chamando ao 981 21 60 72 ou vía web.

PUBLICIDADE