A Cámara da Coruña propón que a cidade herculina sexa a sede da Axencia Española de IA

venres, 14 de outubro do 2022 S. P.

Imaxe aérea da antiga Fábrica de Armas, hoxe en día Cidade das TIC

A Cámara da Coruña emitiu un comunicado no que solicita a candidatura da cidade herculina para ser a sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), enumerando as principais potencialidades da Coruña e súa contorna para dar unhas mellores operatividade, rendemento e visualización ao futuro organismo estatal.
Segundo lembra a entidade cameral, os Orzamentos Xerais do Estado para 2022, establecen as bases da Axencia, podendo esta “estar descentralizada”, de acordo con o previsto na normativa aprobada polo RD 209/2022, do 22 de marzo. A este respecto, a Cámara realizou unha análise da procedencia e oportunidade de que A Coruña poida ser sede do devandito organismo de nova creación. Nesta análise destácanse os seguintes puntos a favor:
-A nivel empresarial, na cidade e a súa área de influencia existe en pleno desenvolvemento, e en crecemento, un importante ecosistema empresarial TIC, que aglutina a máis dun centenar de empresas e dá emprego a catro mil tecnólogos, xerando o 60% do VAB do sector en Galicia.
-A nivel investigador conta coa presenza da Universidade da Coruña, que ten a Facultade de Informática máis antiga de Galicia, cun grao específico en Intelixencia Artificial, o CITIC (Centro Tecnolóxico das Tecnoloxías da Información e Comunicación), único centro galego coa distinción de Centro Singular de Investigación, e algúns dos grupos de investigación máis punteiros de España en materia de Intelixencia Artificial, presidindo unha catedrática desta universidade a Asociación Española de Intelixencia artificial.
-A nivel de infraestruturas está a poñerse en marcha a Cidade do TIC, complexo de investigación e emprendemento que aglutinará unha parte importante do conglomerado tecnolóxico da área e con capacidade para albergar a sede da Axencia.
-A nivel social existe un total consenso entre as forzas políticas, empresariais, educativas e a sociedade civil para reclamar e apoiar que A Coruña sexa a sede desta Axencia.
“Por todas estas causas obxectivas, entendemos que A Coruña pode e debe ser a sede permanente desta Axencia, solicitando das autoridades pertinentes que así se considere”, conclúe o comunicado a entidade cameral.

PUBLICIDADE