A Cámara da Coruña axuda ás empresas a visualizarse máis e mellor nas redes
xoves, 21 de abril do 2022
A
Cámara de Comercio da
Coruña, ao abeiro dos seus plans para favorecer a presenza
internacional das empresas da súa contorna, puxo en marcha un
Servizo de Intelixencia Económica Internacional que engloba varios
servizos específicos aos que as pemes poden acceder en función das
súas necesidades concretas. Tamén activou medidas para acadar
meirande visibilidade das pemes na Rede.
O
Servizo de Intelixencia Económica Internacional inclúe en primeiro
lugar unha extensa base de datos de empresas que operan en máis de
200 mercados internacionais. “Unha vez que a empresa identifique un
mercado específico do seu interese, a Cámara axudaralle a
identificar posíbeis compradores ou partners de interese para
a súa actividade exportadora”, explican fontes da entidade,
engadindo que esta base tamén serve para empresas galegas
interesadas en importar produtos estranxeiros ou para aquelas que
queiran obter información sobre posíbeis socios investidores.
Este
servizo ofrece tamén a posibilidade de acceder a clasificacións
financeiras e empresariais de sociedades tanto internacionais como
españolas. “Así, as empresas coruñesas coñecerán a capacidade
dunha empresa determinada de facer fronte aos seus pagos e poder
valorar o risco que supón establecer relacións comerciais coa
mesma”, sinala a Cámara.
Mellora
da canle online
A
Cámara complementou as ditas medidas para favorecer a posición
internacional das empresas cunha liña de traballo para axudalas a
ter unha boa estratexia de mercadotecnia online. Esta liña
inclúe apoio a través dunha análise exhaustiva da web da empresa
interesada, “sobre todo no ámbito da visualización en buscadores
e redes”, pero tamén en aspectos como a velocidade de carga, o
rexistro de dominios, a programación interna para o rastrexo polos
buscadores ou a accesibilidade e optimización da web para contornas
móbiles, entre outros aspectos. “Trátase dun servizo orientado
tanto a empresas de corte internacional como a empresas cunha
actividade máis local”, explican fontes da Cámara, que engaden
que “para a realización de estratexias de mercadotecnia online
asesoramos ás empresas na definición das redes sociais máis
axeitadas para o seu negocio, axudándolles a sinalar que palabras
crave son máis utilizadas polos usuarios de Google á hora de buscar
produtos ou servizos en cada país e proporcionándolles indicadores
interesantes como en que zonas son máis buscadas esas palabras clave
ou se os usuarios utilizan dispositivos móbiles ou equipos
informáticos de oficina, entre outros aspectos”.