A CRTVG quere consolidarse como fornecedora global de contidos dixitais

mércores, 21 de decembro do 2016 Redacción

A CRTVG presentou onte o seu roteiro a seguir en 2017, un roteiro que pasará directamente polos camiños da vangarda dixital. Así o cualificou o director xeral da compañía, Alfonso Sánchez Izquierdo, quen explicou os orzamentos para este ano vindeiro (104,7 millóns de euros, dos cales 94 proceden da propia Comunidade) e salientou algunhas das medidas principais a tomar, como a integración dun sistema de produción dixital que será, nas súas palabras, “determinante para a difusión de contidos multiplataforma, multimedia e multicanle”. A idea da CRTVG, dixo, reside en concorrer no mercado como fornecedora global de contidos dixitais.
Segundo engadiu, esta aposta polas novas plataformas levará asociada "a reorganización do dispositivo produtivo, cunha nova cultura corporativa". Neste senso, o director xeral lembrou que se parte dunha situación axeitada, cun portal corporativo, www.crtvg.gal, que foi quen de incrementar o seu fondo até situarse, a día de hoxe, “como o sitio máis importante da lingua galega”. Este papel, sinalou, serviralle á CRTVG para seguir en 2017 “promovendo a lingua e a cultura de Galicia, baixo o obxectivo de ofertar unha programación competitiva e de calidade". O director xeral tamén lembrou que entre as partidas mías importantes dos orzamentos están as compras de produción propia externa, que medran até os 24,9 millóns de euros. Para 2017, apuntou, está previsto contratarlle directamente ao sector audiovisual galego por un importe aproximado de 31,9 millóns de euros, un 30,4% do orzamento de explotación da Corporación, “o cal indica que se manteñen os niveis de actividade”.

PUBLICIDADE