A CRTVG e a UVigo crean un espazo informativo libre de barreiras de comprensión

mércores, 16 de febreiro do 2022 Anxo Sesto

Os contidos que ofrecen os medios de comunicación, en ocasións, non son accesíbeis para persoas que teñen algunha dificultade de comprensión. Para evitar esta eiva, a CRTVG en colaboración coa UVigo puxeron en marcha o proxecto Sinxelo, un espazo informativo que permitirá que os servizos informativos da TVG, emitan vídeos accesíbeis na súa web e redes sociais en formato “lectura sinxela” para persoas con discapacidade ou necesidades especiais.
Entre o equipo da iniciativa atópase Lourdes Lorenzo, directora do Departamento de Tradución e Lingüística da UVigo e Sonsoles Facal, impulsora de traducións de libros infantís a “lectura sinxela”. Ambas traballarán xunto con Carlos F. Amado, xornalista da TVG, e presentarán esta iniciativa pioneira e única en España este mércores no programa A Revista da Televisión de Galicia.
Segundo explicaron, o concepto de “lectura sinxela” baséase nunha “adaptación de texto a todos os niveis: léxico, estrutural, estilístico... “O adaptador debe fuxir das oracións longas e subordinadas, cara as estruturas máis sinxelas, evitando tamén metáforas, retranca, dobres sentidos, etc”, comenta a experta en tradución audiovisual, Lourdes Lorenzo.
Pioneiros en España en aplicar lectura sinxela
A CRTVG, coa posta en marcha de Sinxelo, convértese no primeiro medio audiovisual de España que aplica este formato na comunicación dos seus contidos. O Departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo encargarase de verificar e validar a adaptación dos contidos para que se cumpran os estándares da “lectura sinxela”. Os vídeos difundiranse tanto pola web G24.gal, como por Youtube, Instagram, TikTok e Facebook.
Ampla traxectoria de investigación no eido da accesibilidade
Nun inicio, os vídeos serán principalmente de información estatal, autonómica e local, pero “o ideal sería adaptar tamén reportaxes e produtos de ocio para chegar a todos”, segundo indica Lorenzo. As adaptacións non só son importantes para persoas con discapacidades cognitivas, senón que tamén serán substanciais para persoas maiores ou estranxeiros con outra lingua. Trátase, en definitiva, de mellorar o acceso a “textos necesarios para a vida”, como pode ser un contrato de traballo, convocatorias de axudas, información bancaria ou sanitaria...
Lourdes Lorenzo leva 20 anos traballando, xunto coa profesora Ana Pereira, no eido do lexendado para persoas xordas, autodescrición para persoas cegas e recentemente na ‘lectura sinxela’, liña que traballa con Sonsoles Facal.

PUBLICIDADE