A CMT sanciona a Telefónica cunha multa de 20 millóns de euros

luns, 20 de novembro do 2006

Hai novas sobre o tirapuxa de Telefónica e Jazztel no que se refire ós servizos de bucle local que achega a primeira das empresas. Este novo capítulo vén desta vez da man da Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT), que acordou sancionar a Telefónica con 20 millóns de euros pola tardanza no fornecemento dos devanditos servizos a Jazztel.
Cómpre salientar que a historia vén relativamente de lonxe: de 2005, cando esta última operadora denunciou á compañía que preside César Alierta perante diferentes órganos lexislativos, por entender que a actitude de Telefónica co bucle só podía ser cualificado de “retraso” e que este levou consigo catro meses de parón no desenvolvemento do seu plan de negocio, amais de importantes perdas económicas.
Esta sanción da CMT á Telefónica é unha das máis elevadas que recibe a operadora española, mais fica por debaixo da imposta polo Tribunal de Defensa da Competencia en 2004 e que equivalía ó pagamento de 57 millóns de euros por (a xuízo do Tribunal) ter afectado negativamente ó proceso de liberalización das telecomunicacións.

PUBLICIDADE