A CMT publica o anteproxecto da circular que fixará as condicións para as redes Wi-Fi das Administracións Públicas

martes, 13 de abril do 2010 Marcus Fernández

A semana pasada o Consello da Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT) aprobou un anteproxecto de circular no que establecen as condicións para a explotación de redes e prestacións de servizos de comunicacións electrónicas por parte das Administracións Públicas (AA.PP.), que aínda debe pasar por consulta pública, pero que sería unha interesante proposta a considerar por parte das Administracións que queiran das servizos de telecomunicacións coma redes Wi-Fi públicas, o que supón o establecemento dun documento de referencia para este tipo de servizos, detallando cando é precisa a autorización previa da CMT.
No texto aprobado recollen medidas como que as AA.PP. deben inscribirse no rexistro de operadoras para dar servizos de telecomunicacións, notificar as actuacións á CMT agás que esteamos nun caso de autoprestación (no que detallan que non estarían só as redes dirixidas aos traballadores da Administración, senón tamén aos alumnos no caso de centros de ensino), cumprir coas normas de mercado no caso de operar coma un investidor privado, solicitar autorización á CMT no caso de operar con financiamento exclusivo das AA.PP. e non afectar á competencia. Tamén é aceptable a prestación de servizos por debaixo do seu custo se é cun carácter transitorio fixado con anterioridade pola CMT.
Para que as redes e servizos non alteren a libre competencia, será preciso que a súa prestación por tempo indefinido e de xeito gratuíto estean dentro algún dos seguintes supostos:
- O servizo de acceso á Rede limítase ás páxinas web das AA.PP.
- O servizo de Internet nas bibliotecas ou en centos educativos sempre que os usuarios estean debidamente identificados (para demostrar a súa vinculación)
- A explotación e a prestación de servizos en redes Wi-Fi non chegue a edificios de uso residencial ou mixto e a súa velocidade non supere os 256 Kbps.
Con estas medidas poríase fin á imposibilidade das AA.PP. a ofrecer Wi-Fi de balde de xeito indefinido, sempre que cumpran coas condicións propostas.

PUBLICIDADE