A CMT forza a baixada dos prezos maioristas do ADSL

luns, 31 de marzo do 2008 Marcus Fernández

Os novos prezos afectan de xeito importante á oferta de ADSL Rural

A Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT) aprobou a Oferta de Referencia dos Servizos Maioristas de Banda Larga de Telefónica de España (OIBA) que establece substanciais recortes nos prezos maioristas dos servizos de banda larga que Telefónica debe ofrecer a operadores alternativos (mediante acceso indirecto) e que terá especial relavancia no rural.
As baixadas dos prezos afectarán tanto ós servizos de ADSL-IP (de nivel estatal) coma ós de GigADSL (de nivel rexional) que afectarán incluso ás conexións de 10 e 20 Mbps (que ata o momento estaban fóra desta regulación).
As novas tarifas maioristas aplicaranse en todo o territorio español, e Telefónica non poderá ofrecer prezos maioristas diferenciados en áreas rurais (ou illadas) e en bibliotecas ou centros de ensino, o que suporá unha baixada de entre o 50 e o 86% nas tarifas maioristas do ADSL Rural, pois a CMT considerou que a diferenciación de prezos en función do territorio supón un risco de distorsión da competencia no mercado da banda larga.
A OIBA tamén inclúe o servizo denominado Naked ADSL, que poderán contratar os operadores cunha cota mensual de 9,45 euros que se sumará ó prezo do servizo maiorista asociado, e permite rachar a vinculación entre a contratación do servizo de acceso indirecto e o requisito previo de que o abonado teña contratado o servizo telefónico fixo con Telefónica.

PUBLICIDADE