A CMT e Red.es analizarán o emprego das TIC nos fogares españois

martes, 25 de marzo do 2008 Raquel Noya

A Comisión do Mercado das Telecomunicacións e a entidade Red.es veñen de chegar a un acordo para a elaboración e xestión conxunta da base de datos As Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) nos fogares españois. Este traballo parte do estudo que analiza a demanda de servizos de telecomunicacións e o desenvolvemento da Sociedade da Información en España. O devandito informe ofrece indicadores sobre penetración de equipos, servizos e tecnoloxías, niveis de consumo e gasto medio e motivacións de uso nas familias en cinco ámbitos: telefonía fixa, telefonía móbil, Internet, TV de pago e equipamento TIC.
Asemade, a mesma base de datos contén información sobre as actitudes que xeran as novas tecnoloxías nos fogares españois así como o grao de satisfacción do seu uso, o equipamento tecnolóxico en cada fogar e datos relativos sobre o coñecemento da TDT.
A colaboración conxunta de ámbalas dúas entidades permitirá mellorar o coñecemento do sector das telecomunicacións e o desenvolvemento da Sociedade da Información completando outros informes e indicadores xa realizados polas mesmas sobre a oferta de servizos e o emprego das TIC tanto no ámbito residencial como empresarial.
O acordo tamén permitirá homoxeneizar a información dispoñible na administración pública e servirá para fortalecer as medidas adoptadas no Plan Avanza para o desenvolvemento da Sociedade da Información en España.

PUBLICIDADE