A CMT detalla condicións nas que pode ofrecerse Internet por Wi-Fi en locais públicos e comunidades de veciños

mércores, 15 de setembro do 2010 Marcus Fernández

A semana pasada o Consello da Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT) analizou un par de consultas relativas ao uso de redes Wi-Fi das que veñen a facer públicas as súas respostas, resultando de grande interese, xa que concretan que os hoteis, cafeterías, centros comerciais e establecementos semellantes non teñen que inscribirse no Rexistro de Operadores de ofreceren acceso á Rede de balde a través de Wi-Fi, posto que este servizo non é a súa actividade principal e queda limitado aos seus clientes e ao seu ámbito de cobertura, polo que non pode considerarse que estea dispoñible para o público xeral.
Algo semellante acontece coas comunidades de propietarios que queren contratar un acceso á Internet en grupo, para distribuílo a través de PLC e Wi-Fi, cifrando o sinal para que só os veciños poidan acceder ao servizo, caso no que tampouco estariamos a falar dun uso masivo, o servizo non tería ánimo de lucro e o prestador do servizo (e da atención ao cliente) non sería a propia comunidade de veciños.
Dende a CMT explican que este último caso é moi concreto, e habería que precisar que non están a falar de compartir unha conexión doméstica cos veciños (o que suporía unha vulneración do contrato de acceso á Internet, polo que sería ilegal) senón á contratación en conxunto do servizo, para poder optar así a un prezo reducido, o que resulta especialmente atractivo para consumidores que non precisan dun acceso á Rede de alta velocidade e cunha calidade de servizo elevada, senón que só buscan unha conectividade básica, o que é difícil contratar a un prezo atractivo porque as cotas de liña telefónica e outros servizos asociados tenden a incrementar o prezo dos servizos de acceso á Internet.

PUBLICIDADE