A CMT confirma que a crise chega ao sector das telecomunicacións

martes, 6 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

Segundo os datos achegados pola Comisión de Mercado das Telecomunicacións (CMT) no seu informe anual sobre o estado de saúde do sector, este non é un mundo aparte e malia o moito que se ten falado da súa capacidade para manterse firme, finalmente constátase que tamén se resente perante a crise produtiva xeneralizada. En certa maneira, o proceso non carece de lóxica: o sector das telecos camiña moitos chans, e non todos son estables. Así, do mesmo xeito que mellora e impulsa a comunicación e a produtividade dos restantes eidos produtivos, non ten moita capacidade de medre cando estes caen coma fichas de dominó. Segundo o Informe Anual CMT 2009, presentado xa no Senado, por primeira vez en dez anos os ingresos do sector diminuíron en 2009 un 5,4%, até situarse nos 41,765,3 millóns de euros. Asemade, a facturación minorista chegou aos 35.150,21 de euros, o que constitúe unha caída do 4,9%. Os servizos audiovisuais e a telefonía, fixa e móbil, achegan as máis salientables cifras negativas.
Polo que respecta aos ingresos dos maioristas, caeron nun 8% ate chegar aos 6.615,13 millóns de euros en 2009. Con todo, informa a CMT, non se pode falar só de datos críticos, de feito os estudos sobre o acadado o ano pasado serviron para confirmar o forte pulo da banda larga por redes móbiles, que duplicou o acadado en 2008, sobre todo debido ao incremento das liñas de transmisión de alta velocidade activas no mercado. Asemade, a isto tamén axudou o afianzamento dos teléfonos intelixentes (smartphones). Máis polo miúdo, as ditas tarxetas experimentaron unha penetración de 4,2 liñas por cada 100 habitantes, dando como resultado un total de 1,96 millóns, cifra que achega unha taxa de medre do 64,9%. Tamén foron obxecto de medre as liñas que conectan máquinas (M2M) e o parque total de liñas móbiles (aínda que a ritmos menores ca no anteriores anos) até situarse nunha cifra de 51,1 millóns.

PUBLICIDADE