A CIG renova a súa web

mércores, 4 de marzo do 2009 Raquel Noya

A Confederación Intersindical Galega (CIG), despois dun ano levando a cabo movementos para a posta en marcha dun novo sitio web máis accesible para os traballadores e traballadoras de Galicia, vén agora de renovar a súa páxina web, engadindo novos contidos clasificados, eventos, seccións para a descarga de arquivos e foros para a participación dos seus afiliados e afiliadas.
Estes últimos teñen a posibilidade de rexistrarse na web para acceder aos contidos non públicos que poden ser do seu interese así como ter acceso a un sistema de consultas directas ao sindicato vía Internet, mensaxería privada, correo electrónico…
Porén, os responsables da nova ferramenta veñen de anunciar que o sitio “aínda non está totalmente desenvolvido” e que “paseniñamente” irán arranxando os erros e dificultades que se atopen durante a navegación.
Asemade, aseguran ir incorporando novas seccións e información actualizada, así como o acceso aos antigos foros, que estarán a disposición dos interesados máis só para a súa lectura.

PUBLICIDADE