A CGENDL escolma na súa web os principais recursos educativos sobre Paz Andrade

martes, 8 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

A Rede galega vaise enchendo estes días de material sobre a festividade do 17 de maio (Día das Letras Galegas e, tamén, Día de Internet) e máis polo miúdo sobre Valentín Paz Andrade, o autor homenaxeado este ano. Entre o máis significativo que rexistramos dende Código Cero atópase a guía de recursos didácticos que vén da man da CGENDL, a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística. Esta guía achega entre outras cousas unha serie de pezas videográficas (vídeos, enquisas, xogos, webquests, exposicións, cronobiografías, albumes de fotos) sobre Paz Andrade, a súa vida e a súa obra.
A guía en cuestión, con todo, forma parte dunha achega máis ampla da Coordinadora. En realidade, temos á nosa disposición, ao acubillo da web do CGENDL, un máis que completo feixe de recursos que nos van permitir saber máis da figura homenaxeada este ano e, por extensión, de todas aquelas persoas que loitaron na pasado para que hoxe en día podamos gozar e gabarnos dunha cultura propia.
Segundo sinala o Consello da Cultura, cómpre salientar nas achegas da Coordinadora os moitos traballos de raizame escolar que se recollen na súa web, unha xanela á factoría de creatividade tecnolóxico-cultural que son os nosos colexios, e tamén a arela práctica de ofrecer unha escolma de ligazóns, bibliografías, unha videoteca (documentais sobre Paz Andrade, informativos, etc), unha fonoteca e máis unha axenda de actividades a desenvolver nos nosos centros escolares.

PUBLICIDADE