A CEP e o Consorcio Zona Franca impulsarán a innovación e a nosa presenza nos mercados externos

venres, 16 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

O Consorcio da Zona Franca e a Confederación de Empresarios de Pontevedra celebraron os días pasados un novo achegamento de forzas dirixido a facilitar e ampliar o camiño das nosas iniciativas de mercado no exterior. Máis polo miúdo, e segundo fixeron saber o presidente da CEP (José Manuel Fernández Alvariño) e a delegada do Estado (Teresa Pedrosa) durante a reunión de traballo celebrada nas oficinas da Zona Franca, estamos ante unha serie de accións estratéxicas para a internacionalización das pequenas e medianas empresas e abrir liñas de colaboración no apoio á innovación e ao uso das novas tecnoloxías de vangarda nas moitas facetas de actividade dunha PEME.
Segundo engadiron as entidades, co fin de impulsar o devandito obxectivo poranse en marcha, de xeito conxunto, unha serie de misións empresariais e plataformas web que lle subministren a calquera empresa ou persoa canles de promoción exterior e máis coñecemento sobre a comercialización exterior galega “dun xeito segmentado, claro e útil”. Contarase para isto, informaron, coa gran vantaxe de dispor en Vigo do recinto da alfándega da Zona Franca, “cos beneficios que achega á importación-exportación e contribuíndo de xeito decisivo a que Pontevedra sexa a quinta provincia exportadora de España”.
A maiores disto, e coa finalidade de obter o máximo proveito posíbel dos fondos europeos nos novos programas 2014-2020, a CEP pediu a colaboración do Consorcio para traballar como socios institucionais dos proxectos que se presenten ante Europa. Segundo fixo saber, “esta pode ser a derradeira oportunidade para acometer proxectos estruturais que permitan dinamizar a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”. A Oficina de Proxectos da CEP, engadiu Fernández Alvariño, detectou xa un total de 37 proxectos distribuídos nos sectores da automoción, o metalúrxico, o granito, o téxtil, o conserveiro-pesqueiro, o naval, a loxística, o transporte, a cultura, o turismo e máis o que nos colle en Código Cero máis de preto: o das novas tecnoloxías da información. Nestes proxectos, engadiu, será preciso esta colaboración institucional para acudir á convocatoria europea con perspectivas de éxito. “A mellora na coordinación coa actividade privada supuxo que no último programa europeo Innterconecta, por primeira vez Galicia fose quen de cubrir a totalidade dos fondos asignados, xa que presentou 95 proxectos por un importe de 245 millóns de euros, dos que Europa aprobou 26 deles, moitos vigueses, como o caso de excelencia de Gradiant”, subliñou.

PUBLICIDADE