A CEO achega misións comerciais virtuais para fortalecer o empresariado ourensán

mércores, 19 de agosto do 2020 S. P.

A Confederación Empresarial de Ourense (CEO) prepara diferentes actividades formativas para a vindeira tempada, tentando ofrecer unha tempada de verán-outono ateigada de oportunidades para favorecer a transformación tecnolóxica das empresas, tan necesaria e urxente nestes tempos de incertezas. A primeira das actividades é un plan de apoio que abrangue, entre outras cousas, misións comerciais virtuais, elaboración de vídeos en 360º e itinerarios virtuais.
Na recta final do verán, en setembro, activarase un proxecto de apoio para introducir ás empresas nos principais pasos a dar para internacionalizarse dixitalmente. Darase cobertura a unha ducia de firmas, poñendo á súa disposición diagnósticos, formación específica ou estratexias de mercadotecnia dixital internacional. Tamén se porán a disposición das empresas participantes accións de asesoramento.
A partir do último mes do verán tamén tamén collerá impulso novamente o programa Exportou para favorecer a presenza internacional das firmas ourensás, poñendo o foco en desenvolvementos tecnolóxicos que tiren abaixo barreiras para a exportación de produtos e servizos. Por exemplo: un vídeo 360º e un circuíto virtual polas empresas agroalimentarias de Ourense, co obxectivo de “facilitar e mellorar a interacción cos clientes e distribuidores internacionais”, informou a CEO, engadindo que até outubro levaranse acabo reportaxes fotográficas 360º das empresas, que poderán tamén achegar os seus recursos dispoñíbel dar o máximo calidade á iniciativa virtual.
Máis tarde, en outubro e novembro, a CEO dará prolongación ás súas misións comerciais, apostando desta volta polos formatos online e centrándose principalmente no sector agroalimentario e facendo fincapé en mercados potenciais como Estados Unidos, México, Bélxica ou Países Baixos.

PUBLICIDADE