A CEC e ABANCA impulsarán a dixitalización das empresas na provincia da Coruña

mércores, 26 de xullo do 2017 Redacción

A Confederación de Empresarios da Coruña (CEC) e ABANCA asinaron hoxe un convenio de colaboración para potenciar na provincia a creación de empresas innovadora e de emprego botando man dos recursos máis avanzados que nos brindan as novas tecnoloxías da información. A idea é botar man das TIC en toda a cadea de valor: dende o xermolo da formación até abranguer, tamén, o propio miolo da actividade das empresas. No acto de rúbrica participaron o presidente da CEC, Antonio Fontenla, e o director de Banca Institucional de ABANCA, Santiago Novoa.
Segundo fixeron saber, o acordo abrangue un ano de duración e, en termos concretos, fai oficial o compromiso conxunto das dúas entidades “a prol de colaborar no pulo a aqueles proxectos que forman parte dos seus compromisos sociais”, como son o apoio a emprendedores, as empresas xa constituídas (dixitalizándoas) e as persoas desempregadas na mellora da súa empregabilidade.
O convenio, sinalaron, permitirá desenvolver un plan de actividades dirixidas a emprendedores e empresarios da CEC, incluíndo un bloque de xornadas técnicas adicadas a promover a empresa 4.0. “O obxecto destas xornadas”, explicou Fontenla, “será potenciar o coñecemento e desenvolvemento de competencias 4.0, comunicando ás empresas os seus beneficios e as posibilidades que estas ofrecen”. Ademais, fomentarase a colaboración das distintas áreas de empresas co uso de contornas e plataformas colaborativas; impulsarase a transformación dixital; porase ao alcance dos asistentes conceptos e casos aplicados de empresas no desenvolvemento da industria 4.0 e intercambiaranse experiencias e debater sobre a realidade das empresas participantes e os sectores nos que operan.
Ademais, realizaranse actividades formativas e informativas para fornecer aos emprendedores e empresas “dos coñecementos precisos para afrontar o desafío que supoñen o desenvolvemento de software e sistemas de análises que converten o diluvio de datos, producidos pola dixitalización, en información útil e valiosa, así como o cambio de ferramentas analóxicas a dixitais”.
A idea, a través de accións formativas específicas, é achegar aos emprendedores e ás empresas a aprendizaxe desde a xestión documental ata o vídeo dixital, pasando pola plataforma de formación en liña e a promoción dixital das empresas.

PUBLICIDADE