A CBS merca a rede social Last.fm con máis de 15 millóns de usuarios

xoves, 31 de maio do 2007 Raquel Noya

A CBS, non satisfeita con ser dona dunha das principais cadeas de televisión de EE UU (do mesmo nome) e de constituír un dos meirandes grupos de emisoras do mesmo país, vén de espallar arreo o seu negocio por Internet mercando a rede social en liña especializada en música, Last.fm, pola nada desprezable cifra de 280 millóns de dólares en efectivo (nada menos que 208,4 millóns de euros).
Last.fm conta con máis de 15 millóns de usuarios activos repartidos en máis de 200 países, entre eles España (www.lastfm.es), e permite coñecer xente e escoitar música comercial e de afeccionados por medio de radios personalizadas.
Segundo indicou o presidente e conselleiro delegado da compañía, Leslie Moonves, esta empresa “é unha das redes sociais mellor establecidas e co meirande crecemento de Internet” .
Mediante esta adquisición, o xigante norteamericano da comunicación continúa coa súa estratexia de crecemento na Rede centrada na compra dunha serie de portais de certa presenza como por exemplo Wallstrip.com, un portal de contidos financeiros, que CBS Interactive adquiriu hai poucas semanas, así como diversos investimentos realizados en Joost e Spot Runner. Ademais, a todo isto haille que engadir a recente ampliación da rede de audiencia de CBS até acadar un total de 25 socios en liña.

PUBLICIDADE