A Biblioteca Universitaria da Universidade de Vigo organiza un curso sobre procuras de coñecemento

martes, 14 de xaneiro do 2014 Redacción

Exterior da Biblioteca Universitaria de Vigo

Saber manexarse nunha biblioteca á hora de procurar un material determinado non sempre é tarefa doada, e senón que llo digan a un estudante que ten que levar a cabo un traballo ou unha investigación académica. Tendo en conta isto, a Biblioteca Universitaria da Universidade de Vigo vén de anunciar a sétima edición do curso virtual Máis alá de Google. Como buscar e xestionar a información para un traballo académico, que comezará o vindeiro 20 de xaneiro.
Deste xeito, ao longo de 30 horas (distribuídas en cinco semanas) o alumnado dos últimos cursos, recibirá de xeito gratuíto, docencia virtual, con correccións personalizadas, o que segundo sinala Antía Salgado -xefa da Sección de Referencia da Biblioteca Universitaria- “fai que o curso sexa moi atractivo” o que se traduce “en moitísima demanda” até o punto de que as prazas ficaron esgotadas nos primeiro minutos despois de abrirse o prazo de inscrición.
Dicir que, por mor do éxito acadado neste curso (xa dende a súa primeira edición), estanse a realizar tres convocatorias ao ano coa finalidade de chegar ao maior número de persoas que desexen aumentar as dúas destrezas na procura de información, afondar nos recursos existentes na Biblioteca e na Internet e formarse no uso e comunicación da información. Engadir que a realización do curso implica o recoñecemento de dous créditos de libre elección e un crédito ECTS.
Amais do demandado Máis alá de Google. Como buscar e xestionar a información para un traballo académico, a Biblioteca Universitaria completa a súa formación de usuarios con dous cursos máis, tamén gratuítos, de acceso permanente. O primeiro encamiñado a axudar ao estudantado de primeiro curso dos graos a mellorar as súas competencias en xestión da información e no seu uso legal baixo o nome Coñece a Biblioteca e aprende a buscar, avaliar e utilizar a información. A oferta complétase con Busca e xestión da información para o TFG, unha formación deseñada para axudar ao alumnado a optimizar o uso dos recursos de cara á realización do seu traballo de fin de grao, proxecto fin de carreira ou investigacións semellantes.

PUBLICIDADE