A Biblioteca Municipal de San Sadurniño dá o chimpo ao dixital

xoves, 3 de setembro do 2020 S. P.

A Biblioteca Municipal de San Sadurniño está estes días dando o chimpo ao universo dixital, integrándose na xestión compartida da Rede de Bibliotecas Galegas. O proceso, segundo informa o Concello, inclúe tarefas como o etiquetado con código de barras de todos os fondos, uns distintivos que axilizarán o proceso de préstamos e devolucións. A demais, a partir do día 10 de setembro a Biblioteca de San Sadurniño integrarase na plataforma Kohabib impulsada pola Rede de Bibliotecas de Galicia como “ferramenta única de xestión de todas as axencias de lectura”.
O Concello engade que esta adhesión á plataforma ofrecerá “servizos engadidos a todas as persoas usuarias, como por exemplo levar conta nun perfil persoal de todos os títulos lidos, a posibilidade de comentalos e recomendarllos a outras lectoras e lectores, recibir alertas sobre vencementos de prazos de devolución, ou a posibilidade de usar o mesmo carné en case todas as bibliotecas galegas”.
As veciñas e veciños que queiran tirar proveito deste servizo e ter acceso ao catálogo compartido terán que darse de alta na plataforma, un proceso que poden facer tanto as persoas que xa sexan usuarias da biblioteca como aquelas que vaian solicitar o carné por primeira vez. En termos máis concretos, entrar en Kohabib suporá para a cidadanía do concello obter unha nova tarxeta válida para solicitar préstamos ou consultas na nosa biblioteca de cabeceira, pero tamén en calquera outra integrada na rede galega onde xa estea implantado o sistema (nas municipais e tamén nas dependentes da Xunta, da Deputación e de varios museos e entidades públicas e privadas).
O Concello en engade que a alta no sistema de xestión de catálogo tamén permite dispor dun cartafol “da bagaxe literaria local”, amais de “comentar títulos e facer recomendacións”. Asemade, poderanse poderán reservar anticipadamente títulos que se encontren prestados.

PUBLICIDADE