A Biblioteca Ánxel Casal de Santiago e MeLISA achegan un curso sobre programación GNU/Linux

mércores, 16 de setembro do 2015 Redacción

A biblioteca pública de Santiago, fotografada por Joaquín Vilas

A Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago vén de abrir o prazo de inscrición (a partir de hoxe ás 8.30 horas) dun curso sobre os sistemas operativos libres GNU/Linux. A actividade divulgativa e formativa virá da man de Rafael Rodríguez Gayoso, enxeñeiro informático voluntario da Asociación de usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MeLISA) e do Programa de Voluntariado Dixital da Xunta de Galicia, quen axudará a todas aquelas persoas interesadas en mellorar os seus coñecementos sobre as opcións tecnolóxicas de licenza aberta alternativas ás de tipo privativo.
As sesións desenvolveranse os días 5, 6, 7, 8, 13 e 14 de outubro en horario de 18.30 a 20.45 horas, e o 15 e o 19 de outubro en horario de 16.00 a 18.15 horas. En total, falamos de 18 horas de actividade formativa, a celebrar nas salas de traballo en grupo do terceiro andar da Biblioteca.
Os destinatarios do curso, que achega un máximo de dez prazos, son persoas con coñecementos amplos na configuración dun sistema operativo (xestión de usuarios, configuración de dispositivos, instalación de programas) e con coñecementos básicos de programación e de configuración de redes locais. Deberán traer unha memoria USB baleira e un teléfono móbil para conectarse á Rede vía Wi-Fi. Segundo informa a Biblioteca, é imprescindíbel ter o carné de socio ou socia cando remate o período de inscrición.

PUBLICIDADE