A Biblioteca Ánxel Casal achega máis actividades gratuítas de divulgación sobre a Internet e os seus segredos

venres, 24 de maio do 2013 Fernando Sarasketa

Proseguen esta primavera as actividades TIC da Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago. Primeiramente, o centro convocou para este mes de maio unha serie de charlas para axudar aos máis pequenos (e tamén aos pais) a facer o uso máis axeitado das novas tecnoloxías, achegándolles recursos e métodos para non perderse, para saber ata onde poden chegar en tempo de uso e para aprenderen a localizar onde pode haber risco de calote ou abuso. Estamos a falar do ciclo de charlas informativas sobre seguridade na Rede, a cargo de profesionais da entidade EWC-ASIF (Electronic Walfare Consultors), que se están a desenvolver na biblioteca. Sinalar que o ciclo de charlas xa está moi avanzado, pero aínda estamos a tempo de participar nunha delas, a do día 28. Amais disto, está prevista para os meses de xuño e setembro unha nova serie de cursos de balde, formativos, para persoas de calquera nivel de formación.
Cómpre lembrar que a consultora EWC-ASIF agrupa profesionais e especialistas en sistemas informáticos e seguridade. As súas intervencións en Compostela xiran arredor dos diferentes recursos que temos a man para minimizar ata onde sexa posible os riscos que achega unha navegación sen axuda, sen restricións nin acompañamento.
A charla do 28 de maio versará sobre a cuestión dos perigos potenciais das conexións Wi-Fi. A sesión comezará ás 18.00 horas no salón de actos da biblioteca compostelá. A entrada será libre ata completar a capacidade de sala. A biblioteca porá a disposición de cada un dos participantes un computador portátil con conexión a Internet. Os relatorios están a ser impartidos por José Luis Prado Seoane, consultor especializado en seguridade informática, programación e hacking ético, e por José Antonio Iglesias Ramos, profesional con longa experiencia en intelixencia 3W e fraudes en liña.
Amais disto, o centro está a presentar un ciclo de cursos de balde sobre novas tecnoloxías da información, formativos, para os meses de maio e xuño. O período de inscrición estará aberto dende o 30 de maio ata o 8 de xuño e abordarán a cuestión TIC dende un nivel básico (Internet e ofimática para persoas que se acheguen por vez primeira ás novas tecnoloxías) e avanzado (Internet e ofimática para persoas con coñecementos básicos de informática). Tamén haberá unha sección de redes sociais, para alumnos con formación media de Internet. Segundo informa a biblioteca, o centro impartidor (Tesdai) emitirá un certificado de asistencia. Para a obtención do mesmo, requírese que as faltas non superen o 15% das horas de duración do curso. A continuación, damos conta do calendario:
Xuño
Internet básico: 12, 14, 17, 18, 19, 21, 25, 26, 28 de xuño. De 18.00 a 20.00 h.
Internet avanzado: 17, 18, 19, 21, 25, 26 de xuño. De 11.00 a 13.30 h.
Setembro
Ofimática básica: 2, 3, 4, 6, 9, 10, 11, 13, 16 de setembro. De 18.00 a 20.00 h.
Ofimática avanzada: 2, 3, 4, 6, 9, 10 de setembro. De 11.00 a 13.30 h.
Redes sociais: 17, 18, 20, 24, 25, 27 de setembro. De 18.00 a 20.30 h.
Programa dos cursos e máis información: Tríptico cursos informática 2013 (en pdf)