A BBC traballa nunha solución que permita realizar transmisións en directo dende o iPhone

mércores, 15 de xuño do 2011 Marcus Fernández

Hai bastante tempo que os contidos de televisión e radio da BBC poden seguirse a través dos dispositivos portátiles de Apple, pero agora a compañía británica quere ir un paso máis aló, e está a desenvolver unha solución que facilite aos seus reporteiros a produción de vídeo, imaxes e audio que se transmita directamente aos seus sistemas tras ser rexistrados cun iPhone ou iPad, permitindo incluso conexións en directo.
Para permitir a transmisión de vídeo en alta definición dende o iPhone a BBC está a traballar na integración a aplicación Luci Live nos seus sistemas, recomendando o seu desenvolvedor da aplicación a adquisición de accesorios que permitan o uso de micrófonos profesionais no iPhone (o adaptador para micrófonos XLR véndese por 99 euros) o que permite un resultado bastante digno das pezas gravadas/emitidas. A aplicación incluso permite que durante unha transmisión en directo poida reproducirse son pregravado, facendo que un simple móbil poida converterse en toda unha unidade móbil alí onde haxa cobertura de banda larga móbil.
Dende a BBC aseguran non casar co iPhone, senón que terán ao dispositivo de Apple como unha opción máis para os reporteiros.

PUBLICIDADE