A Axencia Tributaria de Galicia aceptará pagamentos por Bizum

martes, 11 de outubro do 2022 Redacción

A Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) acaba de iniciar o proceso de contratación do servizo que permitirá incorporar aos actuais medios de pagamento da Administración autonómica o uso de Bizum para poñer a disposición da cidadanía sistemas de pagamento novos e máis sinxelos para cumprir coas obrigas tributarias. Deste xeito a partir do segundo trimestre de 2023, os cidadáns poderán utilizar este sistema para realizar o pagamento dos ingresos xestionados pola Atriga como as taxas, o Imposto de Sucesións e Doazóns ou o Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITP-AXD).
A Axencia Tributaria de Galicia universalizou xa no 2021 a posibilidade de que calquera cidadán puidese aboar en liña, a través da Oficina Virtual Tributaria e cunha tarxeta de crédito ou débito, todos os ingresos xestionados pola mesma, para non ter que desprazarse ás oficinas bancarias. A isto hai que engadirlle que desde febreiro deste ano tamén se pode pagar fisicamente nas 5 delegacións territoriais da Atriga, no momento de presentar o imposto de xeito físico. Os datos para o que vai de ano 2022 son máis de 252.000 operacións. Así mesmo, desde o pasado xuño implantouse o pago de débedas mediante xiro postal.
Todas estas medidas, enmárcanse nas actuacións desenvoltas pola Axencia Tributaria de Galicia para reforzar e avanzar na información e simplificar a asistencia a todos os cidadáns. Trátase en definitiva, de facilitar o cumprimento das obrigas tributarias dos cidadáns, evitando os desprazamentos ás entidades bancarias co conseguinte aforro de tempo e custes na realización dos trámites tributarios.

PUBLICIDADE